Tan contenta quedou a xente co guiso que Ugia Pedreira preparou no AchegArte que decidimos dar a oportunidade de repetir experiencia… cada un na súa casiña claro :)
Como pasa o tempo!! Parece que foi onte cando estabamos cos últimos retoques na toupeira e agardando que todo funcionase ben o día do lanzamento: o 4 de maio de 2010… e xa vai un ano!
Polo camiño creamos 3.000 fichas de artigos, autores e editoras, que traballiño!
Ademais, con máis de 1.300 usuarios e usuarias rexistradas en Toupa.net e con 2.200 amigos e amigas entre facebook e twitter arroupándonos… que máis podemos pedir para este primeiro ano de vida?
.
Por iso, e só para os que estivéchedes máis preto de nós neste primeiro ano, queremos facervos un pequeno agasallo de aniversario:
Os pedidos que realicedes na
Toupa.net ata o 08 de maio
enviaranse sen gastos de envío !
. E cales son as condicións? Moi sinxelas:
Á hora de finalizar o pedido seleccionade a opción de envío Entrega Especial, que nós o enviaremos automáticamente por servizo ordinario sen custo adicional. .
Esta promoción é válida para todos ospedidos de calquera importe que se realicen entre o mércores 27 de abril ás 10:00 e o domingo 8 de maio de 2011 ás 23:59 (os pedidos da fin de semana considéranse realizados o luns, que é o primeiro día hábil)
A promoción é válida só para envíos a enderezos na Península Ibérica
Xa estamos no segundo día do AchegArte e hoxe queremos falarvos dun proxecto que se presenta en sociedade na feira e ademais cun dos stands mais bonitos, cheo de luras e choquiños. Tamén é certo que entre animaliños as cousas sempre se levan mellor :)
O sábado 2 de abril ás 19:00 no noso stand en Achegarte (Palexco - A Coruña)
.
Que precisas para disfrutar dun ratiño de conversa con Ugia e unha cunca de guiso?
Só tes que ser cliente da Toupa (que teñas feito algún pedido) ou achegarte con algún disco ou libro no que participe Ugia, que tamén poderás mercar no stand.
Continuamos falando sobre as novidades dos últimos días… e hoxe toca música!
Un disco ben interesante é o recompilatorio que lanza Quempallou. Cinco cortes de cada un dos seus discos, para celebrar once anos de festa enriba dos escenarios.
O pop e o indie están moi ben representados con lanzamentos como o novo proxecto de Eladio y los seres queridos. Os que xa coñecemos a Eladio sabemos do seu bó facer, e desta volta chega avalado pola mesma compañía que traballa con Xoel López e Vetusta Morla, así que non dubidedes que oiremos falar moito deste proxecto.
Por outra parte Ernie segue a afianzarse como un selo de referencia no panorama estatal con novos lanzamentos como o de Maryland ou os multipremiados Igloo.
Dende logo, o moi recomendable Indignádevos! está a ser a referencia estrela destes días, sen esquecer que cada día saen novas referencias arredor de Lois Pereiro… pero diso mellor falamos outro día, que dan para un post enteiro ;)
.
A nova editora que queremos destacar é Triqueta Verde, que nos envía tres referencias moi interesantes para público infantil, en edición bilingüe (galego e inglés). Gustounos especialmente Os Lunares de Lola, pero tamén sorprende Que lle acontece á avoa?, un conto onde se resalta, dunha forma divertida, a relación entre unha avoa con Alzheimer e a súa neta. A terceira referencia, xa para nenos un pouquiño máis maiores (>7), é A aprendizaxe de Betsy, traducción da obra de Dorothy Canfield Fisher, unha reformadora educacional e activista social de referencia durante o século XX.
Os lunares de Lola
.
Tamén chegados directamente dos seus autores temos os novos poemarios de Alfonso Rodríguez e de Alberte Momán, este último cunha obra a catro mans xunto a Alba Méndez, onde se introducen no universo de Rosalía de Castro. Quen tamén confiou en nós foi José Luis Sucasas, colaborador habitual en medios galegos.
.
Fáltanos algo? Seguro que si, pero como é un resume rematamos xa recomendando un libro do que estamos namorados e namoradas: O Paseo de Rosalía, unha nova xoia que nos achega Kalandraka.
Quixemos facer este post aproveitando que xusto acaba de chegarnos a reedición de Na Punta do Pé, un excelente traballo audiovisual de Kalandraka, que esgotou a súa primeira edición antes de cumplir o primeiro mes na rúa…
.
.
A Cultura Galega interesa, e polo tanto tamén vende. Proba disto é a excelente acollida que teñen todos os produtos destinados ao público infantil.
Por exemplo, hai varias referencias que xa non vos podemos ofrecer porque se venderon todas as unidades editadas. É o caso de Contos en Cantos de Almudena Janeiro, Pelogato 24, ou o recente Galeoke, que esgotou toda a edición en apenas un mes… Doutras referencias como Tic Tac ou a edición especial en caixa+babeiro+cd de Arrolos de Salitre, só quedan unhas pouquiñas unidades á venda.
.
Por certo… Outros exemplos de éxitos mundiais como Harry Potter, Gerónimo Stilton… ou “os nosos” Bolechas tamén están dispoñibles na Toupa. Dos Bolechas iremos incorporando pouco a pouco a gran cantidade de referencias que teñen, aínda que precisamos ter a seguridade de que poidamos servírvolas, pola especial situación que vive a editora.
No número de marzo da revista R fixéronme unha entrevista falando de Toupa.net a raíz do recente Premio Eganet. Na toupeira estamos todos moi contentos porque é a publicación con máis tirada en Galicia, e moita xente poderá coñecernos e visitarnos cando a revista chegue ás súas casas.
Despois dunha longa entrevista é inevitable ter que resumir as ideas lanzadas, ou que queden frases descontextualizadas como a do titular: “o mercado galego non está maduro para a distribución de contidos dixitais”. Así que que aproveito esta ocasión para explicarvos a nosa situación con respecto aos contidos dixitais, que é tamén unha das consultas máis habituais que nos facedes… “Por que non tedes eBooks?”
.
Toupa.net é un proxecto baseado na venda de produtos físicos, aínda que inicialmente o proxecto incluía un modelo mixto, onde queriamos ofrecer a posibilidade de mercar tamén contidos descargables (mp3, eBook…). Desbotamos esta opción por dúas razóns básicas: porque non cremos nos modelos de pago por descarga de contido único, e tampouco podemos crear un sistema de suscrición na nube porque, desgraciadamente, non existe catálogo galego dispoñible fóra dos contidos musicais, os cales xa están ben dispoñibilizados en modelos tan excelentes como Spotify
Precisamente, nisto último temos parte de “culpa” algúns dos que construímos Toupa.net. Noutra liña de traballo que desenvolvemos somos aínda o maior agregador de contidos musicais galegos nas redes dixitais de todo o mundo, incluído iTunes ou Spotify, tarefa que realizamos dende 2007, e na que fomos pioneiros.
.
O paradigma dixital é claro: é imprescindible estar no mundo para garantir a supervivencia da cultura e da lingua galega tamén no noso País.
Por iso, en Toupa.net traballamos para que os produtos culturais galegos poidan chegar a calquera parte do mundo e, ao mesmo tempo, a calquera recuncho de Galicia. E estamos moi satisfeitos coa importancia e o crecente éxito desta tarefa, nunha das moitas frontes abertas para asentar o futuro da Cultura Galega.